Trátase dun proxecto que alía á cantante cubana Diana Tarín e mais ao pianista e compositor galego Alberto Conde, e no que o Jazz serve de catalizador dunha chea de acentos e pulos que abrollan do alento primeiro da personalidade destes dous artistas, de xeito que se deitan nunha música universal a poder de ter fondas raíces.
OBXECTIVOS
O motivo que guía esta iniciativa é o de crear unha nova ponte musical entre a América Latina e a Península Ibérica, actualizando os lazos afectivos entre Galicia e Cuba, tocando ao tempo os portos musicais de tradicións próximas, por irmás e igualmente mestizas: outras terras da América do Sur, nomeadamente Brasil, e, como non!, desta beira do mar e moi preto do corazón, Portugal.
A fusión faise sobre un formato clásico, por caracteristicamente jazzístico, pero absolutamente novo e de vangarda polo seu atrevemento e os seus ingredientes, pola inclusión das voces de poetas do ámbito cultural de referencia antes non musicados.
É pois que Alberto dirixe este proxecto que achega obras de nova creación, incorporando aqueles textos, pensadas para a voz e o estilo de Diana.
Concrétase así unha iniciativa artística que encontra en Galicia, na súa condición atlántica e emigrante, no seu vínculo cultural con Cuba, o solo fértil para xermolar.
O resultado non é, por tanto, unha fusión artificiosa e forzada, como infelizmente é tan común nestes tempos, senón unha auténtica mestizaxe, como acae ao Jazz mesmo, “lingua franca” musical en que se trenzan aquelas raíces das que falabamos ao empezo.
OS PROTAGONISTAS
Alberto Conde, fillo de emigrantes, criado en Venezuela, descobre a música no folclore daquel país de acollida. De volta entre nós será un dos destacados pioneiros do Jazz na Galicia dos primeiros anos 80 do século pasado, ao tempo que se acredita como un intérprete notable de música clásica –e nun instrumento tan consubstancial á música ibérica e iberoamericana como a guitarra-. De entón, na súa tripla faceta de formador, compositor e pianista, é unha figura clave do Jazz en España. A súa contribución principal vén sendo precisamente a de enxertar na árbore do Jazz a pola da nosa música tradicional, liña na que sementou xa un importante e extenso legado. Engádese a iso unha traxectoria recoñecida como intérprete na corrente principal do xénero en fórmulas que o emparellan con figuras internacionais; a participación en proxectos jazzísticos de acento ibérico; hai un ano unha obra, outra volta de fusión, agora coa música académica, por máis que de inspiración popular, dun compositor iberoamericano tan emblemático como o brasileiro Heitor Villalobos, e esta mesma primavera pasada, como último froito aínda dándose a coñecer, “Human Evolution Project” unha fusión coa música do Indostán chamada a ter unha repercusión histórica no Jazz internacional e nas chamadas “Músicas do mundo”, co concurso, como sempre, da tradición galega e hispana, liderando un elenco de músicos de primeira fila da India, de Portugal e do país.
E xustamente é pola colaboración de Diana Tarín nesa viaxe artística que o seu camiño se cruza co de Alberto Conde suscitando este novo proxecto. Cantante e pianista afrocubana, e ao tempo con devanceiros lugueses, resume na súa propia persoa a riqueza da cultura musical de Cuba. Filla e neta de recoñecidos músicos daquela illa, con apenas 17 anos xa integraba a nómina de diferentes agrupacións femininas coas que viaxou por diferentes países, principalmente europeos, como vocalista, pianista e intérprete de percusión. Chegada a España como integrante dunha agrupación de música tradicional, quedou en Galicia, graduándose finalmente como pianista en Vigo, mentres colabora en diferentes gravacións musicais, varias delas de alcance internacional, e exerce como docente. Artista versátil, o seu universo estilístico é ben longo e abrangue con familiaridade e xeito desde a tradición cubana ao Jazz, pasando polo Bossa Nova, o Funky, o Soul e mesmo o Góspel.
REFERENCIAS DE CURRÍCLA
Alberto Conde: www.albertoconde.com
Diana Tarín: www.comunicartegalicia.blogspot.com/2014/01/mestizo-de-diana-tarin.html